Saturday 27 de April de 2024

A Xunta remata as obras de mellora do firme en 50 quilómetros das estradas autonómicas AC-523 e da AC-840 cun investimento de máis de 3,6M€


— O delegado da Xunta na Coruña supervisou o resultado das obras de mellora na AC-523 ao seu paso por este concello

— A intervención enmárcase no Plan de reforzos de firme impulsado polo Goberno galego, de rehabilitación da capa de rodadura nos treitos das estradas que presentan maior deterioración

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o remate das obras de reforzo de firme nas estradas autonómicas da provincia da Coruña AC-840 e AC-523, que supuxeron un investimento autonómico de máis de 3,6 millóns de euros.

As intervencións levounas a cabo a empresa F. Gómez y Cía. S.L e comezaron o pasado mes de abril.

Os traballos levados a cabo permitiron a rehabilitación integral do firme en 50 quilómetros destas dúas estradas autonómicas.

No que se refire á estrada AC-523, acometéronse fresados nos treitos que transcorren polos concellos da Laracha e de Cerceda, con reposicións de firme de 5 centímetros a carril completo, ademais dunha nova capa de rodadura en todo o ancho da calzada. Estas actuacións completáronse coa execución nalgúns treitos dunha gabia de seguridade formigonada de 1 metro de ancho.

No caso da estrada AC-840 as actuacións leváronse a cabo naqueles tramos que presentan maior deterioración, ao seu paso polos termos municipais de Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso. En función do estado da estrada realizáronse fresados localizados e reposición a carril completo e reposición de nova capa de rodadura. Ademais, repuxéronse os sinais verticais e os treitos de barreira de seguridade que foron precisos.

As intervencións, enmarcadas no Plan de reforzos de firme impulsado polo Goberno galego, consisten na rehabilitación da capa de rodadura nos treitos das estradas que presentan maior deterioración.

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora das estradas autonómicas co fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios na condución, así como contribuír á durabilidade do bo estado do firme.